Galicia avanza cara a un modelo enerxético máis sostible e local a través da biomasa

O Clúster da Biomasa de Galicia celebrou o pasado 2 de decembro, na Cidade da Cultura, a xornada Encontros enerxéticos: Redes de calor e comunidades enerxéticas baseadas en biomasa, un encontro que reuniu institucións, concellos, centros tecnolóxicos e profesionais do sector para analizar o potencial destes modelos enerxéticos de proximidade na transición cara a un sistema máis sostible e descarbonizado.

Ao longo da xornada abordáronse cuestións clave como o funcionamento das redes de calor con biomasa, os retos técnicos e sociais asociados á súa implantación, a viabilidade económica destes proxectos e as necesidades reais dos municipios para impulsalos con éxito. O encontro puxo o foco na biomasa como recurso renovable, local e estratéxico, capaz de contribuír á independencia enerxética, á redución de emisións e ao desenvolvemento do territorio.

O programa incluíu unha ponencia técnica a cargo de Emisioncero Energías Renovables, así como dúas mesas redondas nas que participaron representantes da XERA Axencia Galega da Industria Forestal, concellos galegos, centros tecnolóxicos e entidades do sector. Durante estes espazos de debate compartíronse experiencias reais, boas prácticas e visións sobre o papel das redes de calor e das comunidades enerxéticas baseadas en biomasa no ámbito local.

A iniciativa, impulsada polo Clúster da Biomasa de Galicia e desenvolvida co apoio do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), puxo en valor a contribución da biomasa á transición enerxética, á descarbonización da economía e ao desenvolvemento sostible das zonas rurais galegas, reforzando o seu papel como unha solución clave para avanzar cara a un modelo enerxético máis eficiente, próximo e resiliente.