Galicia aposta pola simbiose industrial como motor da economía circular

A Oficina de Economía Circular de Galicia celebrou o 18 de xuño en Santiago un encontro centrado en estratexias.

O Clúster da Biomasa de Galicia asistiu o pasado 18 de xuño ao encontro sobre estratexias efectivas de simbiose industrial, organizado pola Oficina de Economía Circular de Galicia en Santiago de Compostela. Esta xornada centrouse en promover a colaboración entre empresas para optimizar recursos, reducir impactos ambientais e xerar novas oportunidades de negocio sostibles.

A apertura institucional estivo a cargo da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen puxo en valor a simbiose industrial como ferramenta estratéxica na transición cara a unha economía máis verde, innovadora e eficiente.

Durante o evento, presentáronse casos de éxito nacionais e internacionais. Benito Blanco, da Oficina de Economía Circular Industrial, compartiu as conclusións dun proxecto piloto en polígonos industriais da provincia da Coruña. Pola súa banda, António Lorena expuxo os modelos do Eco-Parque do Relvão (Portugal) e Kalundborg (Dinamarca), referentes internacionais na reutilización cruzada de recursos entre empresas.

Presentación do Grupo de Traballo e Programa de Mentoring

A xornada tamén acolleu o lanzamento do Grupo de Traballo sobre Simbiose Industrial de Galicia (GT), que artellará a colaboración empresarial mediante subgrupos territoriais (subGT) con encontros periódicos ata finais de 2026. Estes espazos servirán para identificar proxectos estratéxicos e compartir boas prácticas.

Tamén se presentou o Programa de Mentoring de Circularidade Industrial de Galicia (MCIG), que favorecerá a transferencia de coñecemento entre empresas tractoras —con traxectoria en sustentabilidade e certificacións ambientais— e empresas mentorizadas comprometidas coa transición circular.

As empresas interesadas poden inscribirse dende o 19 de xuño nas seguintes ligazóns:

Empresas tractoras
Empresas mentorizadas

Tamén está dispoñible o correo electrónico OEC.industria@novotec.es e a plataforma da economía circular da Xunta para consultas e adhesión ao GT.

Compromiso con I+D+i

A clausura correu a cargo da directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, que anunciou unha nova liña de axudas en materia de I+D+i para principios de 2026, con prioridade para as entidades integradas no programa MCIG.

Desde o Clúster da Biomasa de Galicia, valoramos moi positivamente esta iniciativa e reiteramos o noso compromiso co impulso de modelos industriais máis circulares e sostibles.