O Clúster da Biomasa de Galicia, en colaboración coa Asociación BIOECO2, vén de concluír o Curso de certificación de leña e acha, unha actividade formativa que reuniu no CIS Madeira (San Cibrao das Viñas) a profesionais do sector forestal interesados en profundar nos procedementos normativos e técnicos necesarios para garantir a calidade da materia prima no ámbito da biomasa.
O curso, que se desenvolveu en formato presencial cun enfoque teórico-práctico e dinámicas participativas en grupo, tivo unha duración total de 9 horas repartidas en dúas sesións formativas. A formación centrouse en aspectos clave como a orixe lexislativa da certificación, a normativa aplicable, os mecanismos de control, a documentación técnica ou a implantación de procedementos na produción.
Durante a xornada práctica, o alumnado puido coñecer de primeira man os métodos de medición e control de parámetros fundamentais dos biocombustibles sólidos, como a humidade ou a granulometría, fundamentais para garantir a calidade e eficiencia enerxética da leña e a acha.
Esta acción formativa enmárcase dentro do compromiso do Clúster da Biomasa de Galicia coa profesionalización e mellora continua da cadea de valor forestal, apostando por un sector máis competitivo, sostible e aliñado coa normativa vixente.
A actividade foi cofinanciada pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), no marco do seu apoio á formación especializada no sector.


