Extinción de incendios, xestión do monte e investigación, na Semana Forestal 2025

A cita celébrase do 7 ao 10 promovida pola delegación de estudantes de Forestais

A prevención e extinción de incendios, a evolución da xestión forestal, a situación do sector galego da biomasa, os traballos desenvolvidos por investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal no marco de diferentes proxectos ou os ámbitos de traballo dos graduados do centro son algúns dos eixos da programación da Semana Forestal 2025. Promovida pola delegación de estudantes, coa colaboración da escola e do Vicerreitorado do campus de Pontevedra, trátase dunhas xornadas abertas á cidadanía, que se desenvolverán entre o 7 e o 10 de abril e que teñen como obxectivo «complementar a formación do alumnado», poñendo o foco en diferentes cuestións relacionadas «tanto coa parte de explotación forestal, como coa de industria, que son as dúas ramas da titulación», explica Uxío Silva, presidente da Delegación de Alumnos.

O programa desta semana, na que o centro substitúe a actividade académica habitual por unha serie de conferencias promovidas polo alumnado, foi presentado onte polo equipo directivo da escola e os responsables da delegación. Como unha iniciativa moi positiva, que «favorece a integración do noso alumnado, así como o contacto cos nosos graduados» definiu a directora da escola, Ángeles Cancela, esta semana Forestal 2025, «orientada principalmente ao estudantado, pero aberta tamén ao persoal do sector e ao público en xeral».

Tras o seu acto inaugural, as xornadas arrincarán na mañá do luns cun coloquio centrado nos traballos realizados polos investigadores do Laboratorio de Enxeñaría Cartográfica da escola para o Inventario Forestal Continuo de Galicia, ao amparo dun convenio coa Xunta. Coa participación da profesora Julia Armesto e do investigador Andrés Rodríguez, está sesión poñerá o foco nos produtos cartográficos desenvolvidos e no visor que «permite a calquera usuario coñecer cal é a situación dos montes de Galicia», destacou Silva.

Fonte: Faro de Vigo