Cómo funciona unha rede de calor operada pola empresa Enerpipe GmbH?

Da man de Manfred, profesional da compañía alemá Enerpipe GmbH, os membros do Clúster da Biomasa de Galicia tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man, durante a súa visita a Alemaña, o funcionamento dunha rede de calor totalmente optimizada.

Manfred explicou o sistema de control centralizado, que permite supervisar en tempo real o estado da rede a través da plataforma ICON. Desde esta ferramenta é posible visualizar variables clave como as temperaturas dos tanques de acumulación (buffers), a temperatura da auga potable, ou o caudal de calor entregado a cada vivenda. Ademais, cada casa conta cunha válvula de regulación individual, permitindo monitorizar o consumo e detectar posibles incidencias de forma remota.

Esta capacidade de control e análise de datos facilita a xestión da rede e mellora a atención aos usuarios, xa que máis do 95% das incidencias poden resolverse sen desprazamentos, directamente desde o teléfono. Un exemplo real de como a dixitalización e a monitorización avanzada son esenciais para garantir a eficiencia e a continuidade do servizo nunha rede de calor moderna.

 Esta actividade contou co apoio do Igape – Instituto Galego de Promoción Económica, xa que o Clúster foi beneficiario das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas.