Climathon 2026 reunirá en Santiago a estudantes de FP e universidade para impulsar solucións innovadoras fronte ao cambio climático

O encontro, organizado polo Máster MERYCSE da USC os días 15 e 16 de outubro, promoverá o desenvolvemento de iniciativas de descarbonización con potencial emprendedor na Biorrexión Cantábrica.

A Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acollerá os días 15 e 16 de outubro o Climathon 2026, un encontro de innovación climática organizado polo Máster de Excelencia en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible (MERYCSE).

O Climathon é un hackathon centrado na descarbonización, auspiciado por Climate KIC, unha das principais comunidades europeas de innovación climática, impulsada orixinalmente polo Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía (EIT) da Unión Europea.

Esta edición reunirá estudantes de Formación Profesional Superior e de estudos universitarios co obxectivo de identificar retos, compartir coñecemento e desenvolver iniciativas innovadoras que contribúan á creación de riqueza sostible na Biorrexión Cantábrica.

Da innovación climática ao emprendemento sostible

Durante as dúas xornadas, o alumnado traballará de maneira cooperativa para identificar oportunidades vinculadas á descarbonización e desenvolver propostas que poidan evolucionar cara a futuros proxectos empresariais ou startups.

Participarán estudantes do CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo), CIFP Ferrolterra (Ferrol), CIFP Politécnico de Santiago, así como do propio Máster MERYCSE e do Máster Universitario en Biodiversidade Terrestre: Caracterización, Conservación e Xestión da USC.

A dinámica organizarase arredor de oito grupos de traballo que abordarán diferentes fases do proceso de innovación: identificación dos retos, análise de recursos e actores implicados, desenvolvemento das iniciativas e presentación das solucións propostas.

Ao finalizar o encontro seleccionaranse tres iniciativas, que se presentarán na COP 2026, organizada pola Alianza Galega polo Clima e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático o próximo 23 de outubro no Edificio Bandalux de Santiago de Compostela.

Ademais, as propostas serán remitidas a Climate KIC para analizar o seu grao de madurez e valorar a súa posible incorporación á incubadora coa que esta organización promove iniciativas vinculadas á industria verde e á descarbonización.

O Clúster da Biomasa de Galicia estreita vínculos co talento universitario

A celebración deste encontro coincide coa recente sinatura dun convenio de colaboración entre o Clúster da Biomasa de Galicia e o Máster MERYCSE da USC, destinado a facilitar a realización de prácticas académicas ao alumnado.

Este acordo reforza a conexión entre a formación universitaria e o tecido empresarial vinculado á biomasa, favorecendo o achegamento de futuros profesionais ás oportunidades e desafíos dun sector estratéxico para a transición enerxética.

Desde o Clúster considérase fundamental fomentar a transferencia de coñecemento, impulsar o talento especializado e fortalecer a colaboración entre universidade e empresa, contribuíndo ao desenvolvemento de novas capacidades e oportunidades no ámbito da bioenerxía.

Neste contexto, iniciativas como Climathon 2026 representan unha oportunidade para conectar a formación, a innovación e o emprendemento na procura de solucións que contribúan á descarbonización e ao desenvolvemento sostible do territorio.

Máis información:

Adhírete á campaña "Este edificio quéntase con biomasa"

Esta iniciativa permitirá coñecer e dar visibilidade a edificios e instalacións de Galicia mediante un distintivo físico e unha ficha dixital.