O sector da biomasa enfróntase a un reto cada vez máis determinante para a súa competitividade e crecemento: atraer talento cualificado e, sobre todo, consolidalo nos equipos a medio e longo prazo. A escaseza de perfís especializados, a dispersión territorial e a necesidade de proxectos sólidos fan que a xestión das persoas sexa hoxe un factor estratéxico clave para as empresas do sector.
Co obxectivo de dar resposta a este desafío, o Clúster da Biomasa de Galicia impulsa o programa formativo Construíndo e consolidando equipos para o futuro da biomasa, dirixido a persoas con responsabilidades de dirección, coordinación ou xestión de equipos en empresas do sector.
Que atoparán as persoas participantes neste curso?
O programa está deseñado cun enfoque práctico, realista e adaptado á realidade das pemes do sector da biomasa, afastándose de modelos teóricos ou solucións estándar. Ao longo das sesións, as persoas participantes traballarán con situacións reais que se producen no día a día das empresas, incorporando criterio, método e ferramentas aplicables desde o primeiro momento.
Entre os principais contidos do curso destacan:
- a identificación de perfís clave para o crecemento e a continuidade do negocio,
- a optimización dos procesos de selección con criterios eficientes e asumibles,
- a integración do liderado como ferramenta para consolidar equipos,
- e a elaboración dun plan propio de captación e selección, adaptado ás necesidades reais de cada empresa.
O obxectivo final é mellorar a toma de decisións relacionadas coa xestión das persoas, reducir erros na contratación e reforzar o compromiso e a permanencia dos equipos.
Formación impartida desde a experiencia profesional
Un dos principais valores deste programa reside no seu equipo formador. A formación será impartida por Teresa Molezún Mosquera e Carmen Vázquez de Prada, dúas profesionais de referencia no ámbito dos recursos humanos, a captación de talento e a xestión de equipos, cunha ampla traxectoria tanto en grandes empresas como no acompañamento a pemes e organizacións.
Teresa Molezún Mosquera conta con máis de 20 anos de experiencia profesional en xestión de persoas, centrada na identificación e desenvolvemento de talento. É licenciada en Psicoloxía Social e do Traballo pola USC e Máster en Recursos Humanos por ICADE, con ampla formación en coaching executivo e sistémico de equipos, así como acreditacións en metodoloxías como Roles de Equipo de Belbin, DISC ou IPPQ.
Pola súa banda, Carmen Vázquez de Prada desenvolveu a súa carreira profesional en departamentos de Recursos Humanos de grandes empresas, ademais de contar cunha sólida traxectoria como docente en programas de formación especializada. É doutora en Psicoloxía pola UDC, licenciada pola UCM e está acreditada en coaching profesional e sistémico de equipos, así como en ferramentas de avaliación e desenvolvemento de talento.
Unha formación desde a práctica
As formadoras deste programa non falan desde a teoría, senón desde a práctica, achegando:
- experiencia directa en departamentos de RR.HH. de grandes empresas,
- acompañamento a pemes e organizacións en procesos de selección e desenvolvemento de persoas,
- e o deseño e implementación de proxectos reais de liderado, coaching e retención de talento.
Este enfoque garante unha formación aplicable, rigorosa e orientada ao impacto real nas empresas do sector da biomasa.
As persoas interesadas poden consultar toda a información e formalizar a súa inscrición a través desta ligazón.


