Arrinca o programa formativo “Construíndo e consolidando equipos para o futuro da biomasa”

O Clúster da Biomasa de Galicia iniciou hoxe o programa formativo Construíndo e consolidando equipos para o futuro da biomasa, unha iniciativa dirixida a reforzar a captación, a selección e a xestión de equipos nas empresas do sector, poñendo ás persoas como un factor estratéxico clave para a competitividade e a continuidade dos proxectos empresariais.

A primeira sesión do programa estivo centrada en detectar e atraer talento nunha contorna competitiva, un dos principais retos que afrontan actualmente as empresas da biomasa, especialmente nun contexto marcado pola escaseza de perfís especializados e a dispersión territorial.

Unha primeira sesión práctica e participativa

A xornada foi impartida por Teresa Molezún, profesional con ampla experiencia en xestión de persoas, selección e desenvolvemento de equipos directivos, e caracterizouse polo seu enfoque práctico e participativo. Ao longo da sesión abordáronse cuestións clave como a identificación de perfís estratéxicos para o crecemento do negocio, o mapeo do mercado laboral específico do sector da biomasa, o deseño de estratexias de employer branding adaptadas ás pemes industriais e a análise de canles de captación eficaces en contornas rurais ou especializadas.

As persoas participantes traballaron con reflexións prácticas, ferramentas contrastadas e exemplos aplicables á realidade das súas empresas, favorecendo o intercambio de experiencias e a análise de situacións reais do sector.

Un programa centrado nas persoas e nos equipos

Este programa formativo continuará desenvolvéndose nas vindeiras semanas con novas sesións orientadas a ofrecer criterio, método e ferramentas prácticas para mellorar a toma de decisións en materia de xestión de persoas. O obxectivo final é contribuír a que as empresas do sector da biomasa poidan construír equipos sólidos, comprometidos e alineados cos seus proxectos de futuro.

Desde o Clúster da Biomasa de Galicia co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal continúase apostando pola formación como unha panca clave para fortalecer a competitividade do sector e acompañar ás empresas nos seus principais retos estratéxicos.