O Instituto Enerxético de Galicia dispón de 1,5 M€ para promover a instalación de equipos modernos de calefacción con biomasa no sector residencial a través de entidades colaboradoras e mediante un proceso de concorrencia non competitiva.

  • As entidades que queiran adherirse ao programa do INEGA para xestionar as axudas a proxectos de biomasa destinados a particulares poden facelo desde o día 19 de xaneiro.
  • O prazo de solicitude para particulares comezará o 1 de marzo.
  • A contía das axudas será dun 50%, ata un máximo de 60.000 euros.

A Xunta espera que se mobilicen 3,75 millóns de euros no sector, conseguir aforros enerxéticos de 9000 MWh e impulsar a creación de 37 empregos, ademais de reducir as emisións de CO2 en 2700 toneladas ao ano, o equivalente á plantación de 135.000 árbores e diminuír a factura enerxética en 360.000 euros anuais.

Para garantir o máximo aproveitamento enerxético do combustible e minimizar as emisións, os equipos de xeración de calor deberán ser instalacións con avanzadas prestacións operativas, elevados niveis de eficiencia e un bo comportamento con respecto ao medio ambiente.

Unha caldeira de biomasa moderna consegue aforros de ata o 50% con respecto ao gasóleo e dun 30% con respecto ao gas natural. Nunha vivenda unifamiliar permite aforros de 1.800 euros ao ano con respecto aos radiadores eléctricos.

Desde 2014, a Xunta apoiou a instalación de ao redor de 8.000 caldeiras de biomasa. En 2021, concedeu 824 axudas por un importe de 1,96 millóns de euros que permitiron instalar unha potencia próxima aos 15 MW.

A Xunta lanzou outras convocatorias para impulsar proxectos de geotermia, hidrotermia, aerotermia e solar térmica no sector residencial, dotadas con 5,7 M€

Fonte: Xunta de Galicia