O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, acompañou ao alumnado da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra que visitou a empresa para coñecer de preto o seu proceso produtivo.

A compañía contou co apoio da Administración autonómica para a implantación do certificado de sustentabilidade SURE, sendo a primeira fábrica de pellets domésticos de Europa en obtelo.

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, salientou hoxe a aposta da fábrica de pellets Ecowarm, situada en Brión, pola sustentabilidade e a innovación. Lema visitou a compañía xunto con alumnado da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, coa que Ecowarm mantén unha canle de cooperación. Coa visita, búscase dar a coñecer ao alumnado o proceso produtivo dunha fábrica de pellets desde o punto de vista da eficiencia e a sostibilidade, e achegar unha visión de profesión para os futuros técnicos e técnicas forestais.

Ecowarm fabrica pellets de biomasa certificados para uso doméstico e industrial, baseados exclusivamente na revalorización de residuos e subprodutos da industria de primeira transformación da madeira. O código ético e o plan de responsabilidade social empresarial (RSE) da empresa fan que a subministración de materias primas se faga con criterios de eficiencia e pegada de carbono, fixados nun radio de 65 km desde a planta de Bastavales (Brión).

Ás distintas certificacións coas que conta a compañía, que comercializa os seus pellets coa marca Vagalume, recentemente sumouse a certificación de sustentabilidade dos biocombustibles Susteinable Resources Verification Scheme (Sure), sendo a primeira peme española acreditada voluntariamente e a primeira fábrica de pellets domésticos de Europa.

Para estas acreditacións, recibiu axudas da Xunta, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, que nos últimos anos lle concedeu en total apoios por preto de 150.000 euros dentro do programa de axudas para a valorización e a segunda transformación dixiridas ás pemes da industria forestal galega e do contract.

 

Fuente: Xunta de Galicia