O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, anunciou que a Xunta de Galicia destinará este ano 1,5 M€ en axudas para apoiar a instalación de caldeiras de biomasa nos fogares galegos.

Con esta liña de axudas, o goberno galego quere apoiar aos cidadáns que queiran contribuír ao aforro enerxético e fomentar o uso das enerxías renovables. A contía das axudas será dun 50 % cun máximo de 8000 euros e só se destinarán a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante caldeiras que utilicen biomasa como combustible.

No Diario Oficial de Galicia (DOG) xa están publicadas as bases desta convocatoria. Por unha banda, as sociedades colaboradoras interesadas en adherirse a esta convocatoria poderán facelo ata o 1 de xuño. Por outra banda, o prazo para os particulares que desexen solicitar esta axuda abrirá o 1 de marzo e rematará o 29 de xuño de 2023 ou cando se esgoten os fondos, xa que as axudas outorgaranse por orde de solicitude.

Na convocatoria do ano pasado beneficiáronse un total de 522 fogares. Ademais, esta iniciativa favorecerá a mobilización de 3,75 M€ e aforros económicos anuais de 300 000 euros, así como a redución de emisións e aforros anuais de 6000 MWh de enerxía.

Fonte: Xunta de Galicia