• O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta mañá nunha xornada en liña sobre o sistema de certificación ‘ Sure’.

 

Santiago, 08 de novembro de 2021.- O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta mañá na xornada en liña O camiño cara á sustentabilidade certificada: Sure, organizada polo Clúster de Biomasa de Galicia, dentro da estratexia de formación impulsada por Xera.

Na xornada, Lema animou ás empresas de biomasa a implantar este tipo de certificacións que, como Sure, demostran a sustentabilidade da produción de electricidade e calor a partir da biomasa, achegando unha mellora de competitividade ás compañías e unha oportunidade para abrir mercado. O director lembrou o esforzo que desde a Xunta de Galicia, a través de Xera, está a realizarse por mellorar a formación de toda a cadea da industria forestal e, en concreto, no ámbito da certificación.

Esta aposta manterase en 2022, xa que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación destinará 15,2M€ a impulsar toda a cadea de valor da industria forestal galega promovendo a construción en madeira, mellorando a trazabilidade dos produtos, e fomentando a ecoinnovación e os procesos ecoeficientes.