A UVigo desenvolve un biocarbón capaz de filtrar fosas de puríns

A Universidade de Vigo, a través do grupo de investigación HydroForest da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra, desenvolveu un novo biocarbón cunha elevada capacidade de absorción que permite filtrar fosas de puríns e contribuír á redución do impacto ambiental destas instalacións.

O sistema baséase en procesos térmicos que permiten obter un biochar cun contido en carbono fixo superior ao 80 %, mellorando así as súas propiedades de absorción fronte a outros materiais convencionais.

Segundo explica o equipo investigador, este biocarbón podería empregarse como capa de filtración nas fosas, reducindo as emisións de amoníaco e mitigando os cheiros asociados aos puríns. Ademais, o material presenta múltiples aplicacións: desde mellora de solos agrícolas ata usos ambientais en zonas degradadas.

Valorización de residuos forestais

Un dos aspectos máis relevantes do proxecto é que o biocarbón pode producirse a partir de subprodutos vexetais e residuos forestais ou agrícolas, reforzando así a economía circular e xerando valor engadido a materiais que doutro xeito terían escasa saída comercial.

O proceso desenvolvido polo grupo HydroForest permite traballar con diferentes temperaturas e tempos de pirólise, adaptando o produto final ás necesidades específicas de cada aplicación.

Investigación con impacto no territorio

Os resultados do estudo foron publicados na revista científica Molecules, destacando a capacidade do material para eliminar compostos farmacéuticos como a fluoxetina e o sulfametizol, presentes en determinados efluentes.

Este avance representa un exemplo claro do potencial da biomasa como recurso tecnolóxico e ambiental, ampliando o seu papel máis alá da xeración enerxética e abrindo novas oportunidades de aplicación industrial.

Desde o Clúster da Biomasa de Galicia celebramos este tipo de iniciativas impulsadas por entidades asociadas como a UVigo, que reforzan o posicionamento da biomasa galega como vector de innovación, sustentabilidade e desenvolvemento territorial.

Accede a nova completa neste ligazón.

Fonte: La Voz de Galicia