A exposición itinerante ‘Biomasa na túa casa’, organizada pola Asociación Española da Biomasa (AVEBIOM), chega a Galicia cun percorrido por diferentes localidades co obxectivo de achegar á cidadanía, de forma didáctica e interactiva, o funcionamento e os beneficios desta fonte de enerxía renovable.
A mostra, instalada nunha unidade móbil, ofrece unha experiencia inmersiva que permite coñecer de primeira man como funcionan os sistemas de calefacción e auga quente con biomasa, como se producen os biocombustibles sólidos —como os pellets— e cal é o seu impacto na xestión forestal sostible, na economía local, na calidade do aire e na loita contra o cambio climático.
A través de paneis táctiles, recursos audiovisuais, gafas inmersivas e espazos adaptados ao público infantil, a exposición está deseñada para todo tipo de visitantes, desde escolares ata familias, pasando por profesionais ou persoas interesadas en coñecer alternativas enerxéticas máis sostibles.
A iniciativa percorrerá distintas localidades galegas nas próximas semanas, comezando en Lalín (Pontevedra), os días 23 e 24 de marzo na Praza da Igrexa; continuará en Silleda do 25 ao 27 de marzo no marco de Enerxétika; seguirá en Noia (A Coruña) os días 30 e 31 de marzo na Alameda; e finalizará en Sarria (Lugo), os días 1 e 2 de abril.
Durante o seu paso por Galicia, tamén se desenvolverán talleres educativos dirixidos a centros escolares, co obxectivo de fomentar entre a poboación máis nova a concienciación ambiental e a importancia da xestión sostible do monte. Estas actividades, ademais, contribúen a implicar ás familias e a achegar a biomasa dun xeito accesible, práctico e participativo.
Con esta proposta, espérase achegar a biomasa a milleiros de persoas, ofrecendo unha visión clara e próxima sobre o seu papel como solución enerxética renovable, eficiente e vinculada ao territorio.


