A biomasa consolídase como solución estratéxica para a descarbonización dos grandes consumidores térmicos

O Campus de Lugo da USC pon en marcha unha nova rede de calor con biomasa na que participou FORESGA, empresa socia e membro da Xunta Directiva do Clúster da Biomasa de Galicia

A biomasa continúa demostrando a súa capacidade para ofrecer solucións eficientes, sostibles e competitivas en grandes instalacións consumidoras de enerxía térmica. Un exemplo disto é a nova Rede de Calor con Biomasa do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), inaugurada a pasada semana e chamada a converterse nun referente na transición enerxética do ámbito universitario galego.

A infraestrutura permitirá abastecer de calefacción e auga quente sanitaria a nove complexos universitarios e vinte salas de caldeiras, substituíndo progresivamente o uso de combustibles fósiles por biomasa forestal de proximidade.

Segundo os datos presentados pola USC, a nova rede permitirá reducir máis de dous millóns de quilogramos de CO₂ ao ano e evitar arredor do 93,75 % das emisións asociadas actualmente aos sistemas de calefacción dos edificios conectados.

O proxecto contou coa participación de FORESGA, empresa socia do Clúster da Biomasa de Galicia e integrante da súa Xunta Directiva, que formou parte do desenvolvemento desta actuación estratéxica para o Campus de Lugo.

A posta en marcha desta infraestrutura pon de manifesto o potencial da biomasa para responder aos retos da descarbonización de grandes consumidores térmicos, contribuíndo ao mesmo tempo á valorización dos recursos forestais locais, á xeración de actividade económica no territorio e á redución da dependencia de combustibles fósiles importados.

Ademais dos beneficios ambientais, este tipo de instalacións permiten incrementar a eficiencia enerxética, reducir custos operativos e reforzar a seguridade das infraestruturas, consolidándose como unha alternativa madura e plenamente implantable en contornas complexas como campus universitarios, hospitais, redes urbanas de calor ou grandes instalacións públicas.

Desde o Clúster da Biomasa de Galicia queremos felicitar á Universidade de Santiago de Compostela pola posta en marcha desta infraestrutura e recoñecer o traballo desenvolvido por FORESGA e polo conxunto de profesionais e entidades que fixeron posible este proxecto.

Actuacións como esta contribúen a demostrar que a biomasa é xa unha realidade capaz de impulsar a transición enerxética, a competitividade e o desenvolvemento sostible de Galicia.