Desde o Clúster de Biomasa de Galicia anunciamos o novo curso presencial do proxecto “Biomasa CAP: Capitalización das capacidades de I+D no uso enerxético da biomasa non valorizada de alto potencial”. O obxectivo principal do curso, no que colaboramos na redacción dos contidos, é potenciar a visibilidade e percepción da biomasa non valorizada pero de alto potencial na rexión de Galicia e Norte de Portugal.
A biomasa é unha fonte de enerxía renovable e sostible que pode impulsar o crecemento económico, tecnolóxico, social e medioambiental na rexión transfronteiriza. Este curso está deseñado para ofrecer unha visión territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, as diferentes fontes de biomasa dispoñibles, as cadeas de transformación existentes, os formatos habituais de comercialización e a evolución do sector na rexión.
O curso consta de 2 módulos formativos:
-
- Módulo 1: ofrece unha comprensión máis profunda das diferentes fontes de biomasa, as tipoloxías de biocombustibles fabricados na Eurorrexión e as súas especificacións de calidade.
- Módulo 2: analizaranse os puntos críticos en diferentes tipos de instalacións de biomasa para aplicacións industriais, comerciais, residenciais e domésticas.
A parte teórica do curso levarase a cabo na sede de FEUGA, en Santiago de Compostela. Mentres que a parte práctica do curso incluirá unha visita a unha instalación de produción de pellets e outra a unha instalación con aproveitamento térmico con biomasa. O transporte ás visitas prácticas será proporcionado pola organización do curso.
O curso é gratuíto e terá unha duración total de 7,5 horas e entregarase un certificado de asistencia ao finalizar o mesmo.
Está dirixido a diferentes actores da cadea de fabricación e subministración, produtores, instaladores, deseñadores e usuarios finais.
Non perdas a oportunidade de aprender sobre a biomasa e o seu uso como fonte de enerxía renovable e sostible!
Podes atopar máis información en biomasa-ap.com