O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro cas principais agrupacións industriais do sector para avanzar nesta folla de ruta, que ten entre os seus obxectivos converter Galicia nunha rexión neutra en carbono no 2050

Espérase, de cara ó 2030, que as renovables representen o 84,8% da xeración de enerxía eléctrica e un 58% no consumo de enerxía final; así como reducir a dependencia enerxética no exterior ao 39,3%

 

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro cas principais agrupacións industriais do sector enerxético para avanzar na Axenda Enerxética de Galicia 2030. Esta folla de ruta, que prevé un investimento público de máis de 630 millóns de euros na primeira fase, de aquí ao 2024, para dispoñer de máis fontes renovables e impulsar a eficiencia enerxética e o autoconsumo, a mobilidade eficiente e sostible, a economía circular, a innovación tecnolóxica e os biocombustibles e gases de orixe renovable.

Tras a reunión, na que participaron as agrupacións industriais da xeotermia, a biomasa, as renovables, o autoconsumo enerxético e a Agrupación industrial de Solucións Ambientais e Economía Circular, Conde destacou que o Goberno galego busca avanzar cara “unha transición enerxética que permita o desenvolvemento das diferentes enerxías renovables e ao mesmo tempo garantir a mestura enerxética que nos poida facer competitivos desde o punto de vista industrial e tamén eficientes desde o punto de vista do impacto nas familias e nas pequenas e medianas empresas”. O vicepresidente económico apuntou tamén a necesidade de garantir “que a través das enerxías renovables a nosa industria poida ter unha maior competitividade”, en relación co prezo da enerxía.

Entre os obxectivos estratéxicos da nova Axenda, que se está acordando cos principais axentes, atópase converter Galicia nunha rexión neutra en carbono no 2050; diminuír a dependencia enerxética do exterior potenciando os recursos naturais e incrementando a capacidade de xeración renovable; e impulsar a descarbonización fomentando o autoconsumo e o uso eficiente dos recursos. Do mesmo xeito, tamén se aposta por promover o talento e a colaboración público-privada, e construír unha industria eficiente e sostible apostando pola economía circular e a formación.

Así, espérase, de cara ó 2030, que as renovables representen o 84,8% da xeración de enerxía eléctrica (en 2020 representaban o 74,3%) e un 58% no consumo de enerxía final (fronte ao 46,2% do ano 2020); así como reducir a dependencia enerxética no exterior ao 39,3%.

 

Fonte: Xunta de Galicia